Sunday 12 de May de 2024

A Xunta inxectará preto de 15m€ en axudas para consolidar a investigación universitaria máis excelente e competitiva en Galicia


Feijóo destaca que o obxectivo destas liñas de axuda é dobre: asegurar o financiamento estrutural e continuado dos grupos e redes de investigación e atender as realidades dos investigadores individuais cunha traxectoria excelente

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe unha inxección de preto de 15 millóns de euros para impulsar a investigación universitaria máis excelente e competitiva en Galicia. Trátase de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, así como para outras accións investigadoras nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.

Como indicou o máximo representante autonómico, trátase de axudas convocadas conxuntamente polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola de Economía, Emprego e Industria dirixidas a grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes de investigación e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.

O obxectivo é dobre: asegurar que tanto os grupos como as redes de investigación conten cun financiamento estrutural e continuado vinculado a criterios de calidade e, paralelamente, atender as diferentes realidades de investigadores individuais que xa contan cunha traxectoria excelente que agora teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto no ámbito nacional e internacional.

Segundo o presidente da Xunta, trátase de asegurar un financiamento axeitado e sostido no tempo para que os investigadores e os grupos e redes continúen traballando e afianzando a súa posición de liderado. A convocatoria vai dirixida ás tres universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia.
Hoxe en día están a traballar na Comunidade arredor de 300 grupos de investigación con financiamento estrutural estable e outros 80 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento público por parte do Goberno galego. En termos de persoal, Feijóo indicou que preto de 2.500 científicos investigan en Galicia grazas ás axudas da Xunta: 830 investigadores universitarios, 1.000 investigadores de apoio contratados con cargo a proxectos de investigación, 350 investigadores predoutorais e posdoutorais financiados con contratos de investigación e outros 300 investigadores que, segundo se comprometeu, retornarán a Galicia a través do Programa Principia.

Catro modalidades de axudas
O presidente da Xunta estruturou en catro grupos as modalidades de axudas desta liña. En primeiro lugar, destacou as dos grupos de referencia competitiva, que se caracterizan polos bos índices de publicacións científicas, por un elevado nivel de captación de recursos competitivos e pola súa capacidade para formar e atraer investigadores mozos. Estas axudas teñen unha duración máxima de catro anos e o importe das mesmas vén determinado por unha contía estrutural e outra variable, que deberá contar con, polo menos, cinco investigadores.

A segunda liña de axudas vai destinada aos grupos con potencia de crecemento, que teñen unha importante calidade investigadora que os pode conducir a converterse en grupos de referencia. O obxectivo é garantir o afianzamento desta evolución a través dun período de axuda de tres anualidades.

A terceira modalidade son as redes de investigación. Neste senso, Feijóo precisou que os grupos de investigación poden aumentar a súas oportunidades mediante a súa integración en estruturas tipo rede. Nesta modalidade, as axudas van encamiñas a impulsar un plan de actuacións en rede e consistirán nunha contía fixa anual de 30.000 euros para os anos 2016 e 2018 e de 60.000 euros para o ano 2017.

A última modalidade é a dos proxectos de excelencia. Neste apartado regúlanse as axudas para proxectos de investigación de investigadores individuais que contan xa cunha traxectoria excelente. Contémplanse dous apartados: unha liña de reforzo de traxectoria consolidada e unha liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

A través destas catro liñas de financiamento, a Xunta reforza a súa aposta polo coñecemento como piar básico da economía galega . “Sabemos que este é o principio para dar con ideas que permitan mellorar o sistema produtivo e o benestar social”, concluíu o presidente Feijóo.